BASES DA LIGA CEIBARIMAS 2022
1. OBXECTIVOS
A Liga CeibaRimas ten como obxectivo o fomento do uso do galego dentro da disciplina do rap improvisado e a creación dunha escena galega de freestyle.
2. PERSOAS DESTINATARIAS
Poden inscribirse na Liga CeibaRimas todas as persoas maiores de 12 anos que teñan dispoñibilidade para participar no evento que se realizará de xeito presencial o sábado 1 de outubro de 2022. No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, esta inscrición irá acompañada da autorización do/a pai/nai ou titor/a legal mediante o documento que se facilitará por correo electrónico.
3. FUNCIONAMENTO DA LIGA CEIBARIMAS
Esta Liga está composta por dúas fases diferenciadas:
CLASIFICATORIA
O día do evento, e sempre que o número de persoas inscritas sexa maior a 16, realizarase unha clasificatoria previa para seleccionar ás 16 persoas que se enfrontarán na primeira fase ou fase de oitavos.
As persoas inscritas serán emparelladas de xeito aleatorio. Se o número de persoas inscritas é impar, haberá unha batalla a tres bandas, cuxos participantes se escollerán de xeito aleatorio.
Unhas vez feitas as parellas, e o trío de ser o caso, cada un destes grupos enfrontaranse mediante a seguinte proba:
– 4×4: Un minuto total de improvisación no que cada participante rapeará libremente respondendo x contrincante. Con entradas intercaladas cada patrón.
Un xurado composto por tres expertxs en rap improvisado, cultura urbana e lingua puntuará a intervención de cada unhx dxs participantes, segundo a súa intervención nas probas e atendendo a criterios coma ritmo, contido, coherencia, flow, métrica, adecuación á temática, resposta x rival, técnicas e posta en escena.
Estas puntuacións achegadas polo xurado sumaranse e farase unha táboa de puntuacións, sendo as 16 persoas con maior puntuación na mesma as que pasarán á fase de oitavos.
No caso de haber 16 ou menos persoas inscritas, non habería fase clasificatoria.
OITAVOS
As 16 persoas clasificadas na fase anterior, pasarán a competir na fase de oitavos. No caso de nas inscricións haber xusto 16 persoas apuntadas, pasariamos directamente a esta fase.
No caso de ser as inscricións de entre 9 e 15 persoas (ambas incluídas), realizaríase unha clasificatoria a cuartos, utilizando as mesmas probas de oitavos.
No caso de ser 16 persoas, ben porque se inscribiron xustamente 16 ou ben porque se seleccionaron da fase clasificatoria, estas emparellaranse de xeito aleatorio para realizar as probas desta fase.
No caso de ser entre 9 e 15 persoas inscritas, estas tamén se emparellarán de xeito aleatorio, habendo a opción de que un grupo teña que ser de 3 persoas no caso de ser impares as inscritas.
As probas que se realizarán nesta fase son as seguintes:
– Minutos libres: Dous minutos de improvisación libre, con entradas intercaladas cada minuto.
– Responde á pregunta: Un minuto total de improvisación respondendo ás preguntas dx contrincante. Con entradas intercaladas cada 30 segundos, unhx dxs participantes fará unha pregunta no primeiro verso do patrón e x contrincante responderá nos outros 3.
No caso de ser 16 persoas as que compiten, despois de cada batalla, o xurado decidirá cal das 2 persoas gaña, pasando esta á fase de cuartos. O xurado poderá votar tanto por unha persoa, como pola outra coma empate. No caso de haber empate, realizarase unha réplica, é dicir, unha nova rolda de desempate. Tras esta o xurado volverá a votar. Poderá haber un máximo de 1 réplica, estando obrigadxs despois dela a decidirse entre algunhx dxs participantes. Na final poderá haber 2 réplicas.
No caso de ser entre 9 e 15 as persoas que compiten, o xurado puntuará as súas intervencións e, igual que na clasificatoria, farase unha táboa de puntuacións, pasando á fase de cuartos as 8 persoas con maior puntuación.
CUARTOS
As 8 persoas clasificadas na fase anterior, pasarán a competir na fase de cuartos.
As probas que se realizarán nesta fase son as seguintes:
– Termos contrapostos: Un minuto total de improvisación no que cada participante deberá improvisar sobre os termos contrapostos dados. Con entradas intercaladas cada patrón.
– Minutos libres: Dous minutos de improvisación libre, con entradas intercaladas cada minuto.
– 8×8: Un minuto total de improvisación no que cada participante rapeará libremente respondendo x contrincante. Con entradas intercaladas cada 2 patróns.
SEMIFINAIS
As 4 persoas clasificadas na fase anterior, pasarán a competir na fase de semifinais.
As probas que se realizarán nesta fase son as seguintes:
– Easy Mode: Un minuto total de impovisación no que cada participante deberá incluír unha palabra dada en cada patrón. Con entradas intercaladas cada 30 segundos.
– 4×4: Dous minutos totais de improvisación nos que cada participante rapeará libremente respondendo x contrincante. Con entradas intercaladas cada patrón.
TERCEIRO E CUARTO POSTO
As 2 persoas descalificadas na fase anterior, pasarán a competir nesta fase para disputarse o terceiro e cuarto posto da competición.
A proba que se realizarán nesta fase é a seguinte:
– Minutos libres: Dous minutos de improvisación libre, con entradas intercaladas cada minuto.
FINAL
As 2 persoas clasificadas nas semifinais, pasarán a competir na final.
As probas que se realizarán nesta fase son as seguintes:
– Minutos libres: Dous minutos de improvisación libre, con entradas intercaladas cada minuto.
– A capela: 3 patróns de improvisación libre, sen base musical.
– 4×4: Un minuto total de improvisación no que cada participante rapeará libremente respondendo x contrincante. Con entradas intercaladas cada patrón.
O xurado valorará en cada unha destas batallas quen das dúas persoas gaña ou se debe haber réplica, en cuxo caso haberá un novo enfrontamento. Consistirá nun minuto de improvisación libre con entradas intercaladas dun patrón. Poderá haber un máximo de dúas réplicas, obrigando así ao xurado a tomar unha decisión na terceira rolda.
Todas as probas da Liga CeibaRimas, tanto nos eventos clasificatorios como na final deben realizarse en galego.
4. INSCRICIÓN E PRAZOS
A Liga CeibaRimas terá lugar o sábado 1 de outubro de 2022 en Santiago de Compostela.
Abrirase un formulario de inscrición online a través da páxina web www.ceibarimas.gal, no cal calquera persoa que cumpra os requisitos indicados no apartado 2 poderá inscribirse. Este formulario estará aberto ata o venres 30 de setembro ás 23:59h.
A participación é aberta e de balde.
5. PREMIOS
Xs 4 seminifinalistas recibirán un lote de produtos a modo de agasallo pola súa clasificación.
Na final establécense 3 premios:
1º premio: 300€
2º premio: 150€
3º premio: 50€
Todos estes premios entregaranse en forma de tarxeta agasallo de Amazon.
6. DECISIÓN DO XURADO
O xurado con voz e voto estará composto por tres persoas relacionadas co mundo do rap improvisado, a cultura urbana e da lingua.
O xurado valorará os seguintes criterios:
– Capacidade dxs participantes para rimar as palabras en todos os compases.
– Capacidade dxs participantes de rebater os argumentos dx rival.
– Coherencia do contido. Ausencia de frases de recheo.
– Habilidade á hora de xogar coas palabras e empregar figuras literarias.
– Variacións nos ritmos empregados para rapear.
– Dominio do espazo escénico e posta en escena.
– Calidade e adecuación lingüistica.
– Ausencia de mostras de intolerancia.
A decisión do xurado será inapelable.